A por outra lectura: Chamádeme Simbad.

 O día 5 de febreiro presentamos a nosa nova lectura do club: Chamádeme Simbad.

Trátase dunha novela chea de tenrura e agarimo na que o protagonista, un neno de dez anos chamado Paulo, conta a relación tan especial que ten co seu avó. Ámbolos dous comparten xogos e un mundo de fantasía baseado no conto tradicional Simbad o Mariño e, grazas a eses xogos, Paulo será quen de atopar ao avó cando este desapareza unha noite...
O autor é Francisco Castro, profesor de Filosofía e escritor galego. Podedes encontrar información e incluso falar con el no seu blog A Canción do Náufrago (www.blogoteca.com/franciscocastro)



 Nesta primeira sesión achegámonos ao libro fixándonos na ilustración da súa portada. Houbo moitas opinións:  a bandeira pirata, as roupas orientais do neno, os mapas de mares antigos...E todo isto navegando enriba dun sofá. Logo, relacionamos as ilustracións co título da novela e alguén dixo que o protagonista está imaxinando contos que leu. Interesante suxestión! Miramos despois a sinopse argumental da tapa traseira do libro e xa fumos quen de prepararnos para empezar esta preciosa, emotiva e enriquecedora historia. Pois imos aló: para o próximo día falaremos dos tres primeiros capítulos.

Diplomas para todos e todas!

O día 29 de xaneiro foi un día especial para os nosos e as nosas lectour@s, pois tras rematar con éxito o cuestionario sobre a lectura de A chave da Atlántida, foron galardoados con diplomas aos mellores lectour@as do trimestre e aos lectour@s máis participativos, participativas e constantes.

Noraboa!